Saturday 18 de May de 2024

A boa acollida do programa de visitas xeolóxicas leva a duplicar o número de pases diarios


A empresa Geotur Galicia ofrecerá percorridos polo Pico Sacro entre os días 1 e 4 de abril en horario de mañá

O programa de visitas xeolóxicas ao Pico Sacro vén de duplicar as sesións (con dous percorridos por día), logo de rexistrar numerosas solicitudes de participación. O interese por parte de veciñanza e visitantes leva a ampliar as prazas dispoñibles para as actividades que se desenvolverán entre os días 1 e 4 de abril en horario ás 11.00 e ás 12.30 horas.

Dende a organización amosan a súa satisfacción pola excelente acollida a este programa desenvolvido en colaboración co Concello de Boqueixón. Segundo indican dende o Departamento de Turismo, “agora mesmo só quedan prazas libres na xornada do domingo 4 de abril. O resto están practicamente cubertas”.

Co fin de cumprir con todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19, as visitas contan cun máximo de 8 participantes (máis o guía da actividade). Para poder dar resposta á demanda existente, ampliáronse as sesións previstas inicialmente.

O prezo por participar nestas actividades é de 10 euros por persoa, se ben os/as menores de 12 anos poderán asistir de balde. As reservas deberanse realizar de xeito previo a través do enderezo electrónico geoturgalicia@gmail.com ou no teléfono 675 820 520.

Detalles dos percorridos

As persoas asistentes a este programa poderán descubrir a importancia do Pico Sacro dende o punto de vista xeolóxico. Entre outros detalles, falarase sobre as súas covas de cuarzo natural, as únicas estudadas no mundo.

Tamén a través destas visitas, achegarase ao público parte da historia xeolóxica do planeta tomando o Pico Sacro como referencia. Como complemento, poderase gozar das impresionantes panorámicas da bisbarra compostelá que se poden ver dende este enclave.

Os percorridos terán como punto de encontro o aparcadoiro do Pico Sacro e durarán aproximadamente unha hora. A visita levará ás persoas asistentes a distintos puntos como o cumio principal deste monte, o sub-cumio oeste, as dúas bocas das covas e a Rúa da Raíña Lupa. Cada parada contará con cumprida información sobre a singularidade deste enclave.